Outono gastronómico no Pazo da Buzaca

O Outono Gastronómico é un programa de Turgalicia no que varias casas rurais se unen para ofrecer paquetes de aloxamento con menús especiais. Esta é a súa novena edición (Fati&Bombi xa gozamos catro).

IMG_5271Este ano decantámonos polo Pazo da Buzaca, en Moraña. O pazo é unha construción señorial con trece habitacións e varios edificios anexos, incluida unha capela. Conta cunha historia que se remonta ao século XVI e vai ligada á familia dos Varela. Curiosamente, hai pouquísima información histórica deste pazo na rede (nin sequera aparece na lista de pazos da Galipedia).

A verdade é que sempre escollemos entre as casas rurais por unha combinación de “fermosura / bucolismo + menú apetecible / currado”. Queremos aproveitar esta oportunidade para criticar as casas que consideran que empanada + caldo + tortilla é un menú axeitado para cobrar 30 €uros: tedes moito pago da vosa tortilla.

Velaquí as opcións de menú que ofrece este pazo para o Outono Gastronómico 2015:

menubuzaca

Tiramos pola primeira porque a Fati non é que lle encante o bacallau que, pola contra, é dos manxares favoritos de Bombi. Aínda que despois démonos conta de que puidemos ter collido un menú cada un para probalo todo. Non caímos antes porque noutras casas do programa non che permiten facelo.

Para comezar, servíronnos un entrante que deron en chamar “Filloa de cecina e queixo”, aínda que non había tal filloa, que era unha lámina de pasta filo. Sen máis.

A “Tosta de roxóns sobre humus de cogumelos e queixo gratinado” estaba rica, pero Bombi botou en falla que o pan fose de verdade, e non destes pans de molde industriais que se fan chamar artesans.

Fati: “Estás sendo moi lercha”.
Bombi: “A ver, en xeral gustoume todo, pero algún defecto temos que sacar”
Fati: “Ti verás”

O outro entrante, a “Crema de castañas e grelos con pó de xamón”, estaba moi saboroso.

Chegamos ao primeiro: “Vieira confeitada en aceite de nori sobre mollo de centola con crocante de mandioca”. Fati di que un nove. Bombi di que un dez. Moi bo.

Sobre todo comparado co segundo. Digamos que lle fallaban fundamentalmente dúas cousas: a presentación e a gornición. Os escalopiños de cervo e o prebe de queixo e morchela, ben. Agora tamén, coa traxectoria espectacular que levaba a cea, poñer aí unhas patacas fritas sen xeito, pois que queredes que vos contemos, non mola. Quedaría cen veces millor cunhas patacas deluxe ou mesmo uns cacheliños. Pero en fin, de sabor non temos nada que obxetar, señorías.

O único verdadeiramente negativo foi o postre. A idea era bárbara: filloa rechea de crema de mascarpone con salsa de chocolate. Mágoa que a crema era moi moi densa, case era como untar a filloa con queixo deste de Massachusets (para non dicir marcas) e a filloa era moi gorda para ser unha filloa. Que se tes que facer cen e unha che sae gorda, pois mira, perdoámolo, pero se tes que facer dúas millor fai catro e escolle as que che quedaron mellor.

Despois disto café e licores, que nos serviron ademais noutro salón do pazo, moi amablemente.

En resumo, que bastante ben. Repetiríamos, que é o mellor que podes dicir dun sitio ao que fuches. E volveríamos porque nos gustou e porque nos trataron de marabilla, non só porque sexamos Fatibombis.